25/11/2021

Unha actividade extra sobre o medioambiente!

Ola de novo!

Para todas e todos os que queirades facer un pequeno repaso dalgún do vocabulario que aprendemos nesta unidade sobre o medioambiente, aquí vos deixo un código QR que leva a un cuestionario moi breve sobre algunhas das palabras que xurdiron na clase.

Como sempre, espero que vos sexa de utilidade e que, ademais, vos resulte unha actividade amena!

Ata a próxima!

24/11/2021

Como escribir unha recensión

Ola un día máis a todas e a todos!

Hoxe tráiovos algunhas pautas sobre como escribir unha recensión, algo que agardo que vos resulte útil para a actividade que imos facer na segunda sesión sobre o Nadal, que terá lugar o mércores 15 de decembro. Podedes atopar esta guía no seguinte enlace: How to Write a Review.

Botádelle un ollo e non dubidedes en consultarme calquera dúbida.

Tede un bo día!

Planificación docencia 29/11/2021-17/01/2022

Bo día a todas e a todos!

Neste enlace podedes atopar o documento coa planificación das sesións da nosa materia das vindeiras cinco semanas, isto é, do luns 29 de novembro do 2021 ao luns 17 de xaneiro do 2022.

Como sempre, espero que vos sexa de utilidade e que os temas vos resulten interesantes.

Deica a próxima!

22/11/2021

The environment (2). Fast fashion

Ola un día máis a todas e a todos!

Espero que todas/os esteades de marabilla e que veñades con ganas de traballar, porque hoxe imos facer unha actividade que require moito da vosa atención! Imos falar dun tema que está moi de moda na actualidade, a fast fashion. Para iso, imos visualizar a seguinte reportaxe: "The true cost of fast fashion". Collede lapis e papel e tomade nota!

Unha vez visualizado o vídeo, entregareivos a transcrición do mesmo para que a leades e resolvamos posibles dúbidas de vocabulario. Rematado isto, recollerei de novo as transcricións e procederemos a ver por segunda vez a reportaxe. A continuación, trataremos de contestar as seguintes cuestións sobre o tema:

  • Que é a fast fashion?
  • Por que se desbota tanta roupa (pese a estar en boas condicións)?
  • Onde se fabrica esta roupa?
  • Quen merca estas pezas?
  • Que consecuencias ten para o medioambiente?
  • Que solucións se propoñen no vídeo?
  • Que outras solucións se vos ocorren a vós?

Como sempre, segundo vaiamos empregando o vocabulario novo irémolo escribindo no encerado para que todo o mundo poida tomar notas.

Quizais o tema da moda non sexa o primeiro que nos vén á mente cando pensamos no quecemento global, pero, como vedes, non deixa de ser un elo máis da cadea.

Espero que esta actividade vos resultase proveitosa e que aprendésedes algo novo, non só en inglés, senón sobre moda.

Ata a próxima!

19/11/2021

The environment (1). Introductory lesson

Ola a todos/as!

Hoxe imos comezar co tema do medioambiente. Para iso, antes de nada, imos repasar e aprender algún vocabulario sobre este tema. Clica neste enlace para facer a primeira actividade desta sesión. Nela terás que relacionar o substantivo coa foto que o representa. A ver canto vocabulario sobre desastres naturais coñeces!

A continuación, dividiremos a clase en parellas ou grupos de tres. Cada parella terá unha infografía para ler e comentar ben sobre as causas, as consecuencias ou algunhas posibles solucións ao cambio climático. A continuación, faranse catro grupos segundo a infografía que lle tocase a cada un. Nestes grupos poredes en común as ideas que sacastes dese recurso e, despois, cada un de vós terá que explicarlle unha parte da información ao resto da clase. Tede en conta que todos/as debedes participar e que a división do traballo debe ser equitativa.

Grupo 1: causas do quecemento global.

Grupo 2: consecuencias do quecemento global.

Grupo 3: consecuencias do quecemento global nos mares.

Grupo 4: solucións ao quecemento global.

Mentres explicades a vosa parte, lembrade que podedes empregar o encerado para escribir aquel vocabulario que os/as vosos/as compañeiros/as non coñezan.

Por último, escoitaremos o discurso de Greta Thunberg na Climate Action Summit das Nacións Unidas no 2019, dispoñible neste enlace. A partir do visionamento faremos unha posta en común e un debate sobre os temas que aborda. Podemos empregar as seguintes preguntas como guía:

  • A quen vai dirixido este discurso?
  • De que culpa Greta aos líderes mundiais?
  • Que opinas dos seus argumentos?
  • Que tono emprega?

E isto é todo por hoxe. Espero que a clase vos resultase proveitosa.

Ata a próxima! See you!

The environment (3). Our diets

Ola a todas e a todos un día máis!

Hoxe imos falar sobre como inflúe a nosa dieta no cambio climático. Para iso imos visualizar unha breve reportaxe sobre o impacto da nosa alimentación no medioambiente. Non obstante, como este recurso contén vocabulario co que, se cadra, aínda non estades familiarizados/as, antes de nada imos facer de forma conxunta unha actividade para aprender algunhas destas palabras e expresións. No seguinte enlace podedes atopar un cuestionario da Universidade de California sobre como afecta a nosa dieta ao medioambiente: Do you know how your diet affects the planet?

Unha vez rematada esta parte veremos o xa mencionado vídeo, que podedes atopar clicando no seguinte enlace: The diet that helps fight climate change. A continuación, despois de resolver calquera dúbida que puidese xurdir durante o visionamento, trataremos de contestar as seguintes cuestións:

  • Cal é o tema principal da reportaxe?
  • Por que se di que a nosa alimentación ten un impacto sobre o medioambiente?
  • De que forma inflúe o que comemos no cambio climático?
  • Que hábitos alimentarios podemos mellorar e como?
Por último, reflexionaremos sobre a nosa propia alimentación. Para iso teredes a seguinte pirámide alimentaria, na que podedes ver os compoñentes da tan a miúdo loada dieta mediterránea:


Empregando esta pirámide como referencia, pensade nas seguintes cuestións:
  • Que semellanzas e diferenzas hai entre a túa alimentación e as recomendacións que aparecen na imaxe?
  • Estás de acordo con todos estes consellos?

E iso é todo por hoxe, espero que aprendésedes algo novo e que marchedes con ganas de aprender aínda máis!

Deica a próxima!

16/11/2021

Benvid@s!

Ola a todas e a todos!

Son Inés Lorenzo e vou empregar este blog para subir diferentes actividades e recursos para as nosas clases de inglés como lingua estranxeira. Falarei de temas moi variados, comezando co medioambiente, así que espero que vos resulte atractivo e que aprendamos moito entre todos durante as sesións de clase.

Por se queredes saber algo máis sobre min aquí vos deixo unha pequena presentación.


E vós a que cousas non renunciariades?

Léovos nos comentarios!
Ata pronto! See you soon!