Ola a todos/as!
Hoxe imos comezar co tema do medioambiente. Para iso, antes de nada, imos repasar e aprender algún vocabulario sobre este tema. Clica neste enlace para facer a primeira actividade desta sesión. Nela terás que relacionar o substantivo coa foto que o representa. A ver canto vocabulario sobre desastres naturais coñeces!
A continuación, dividiremos a clase en parellas ou grupos de tres. Cada parella terá unha infografía para ler e comentar ben sobre as causas, as consecuencias ou algunhas posibles solucións ao cambio climático. A continuación, faranse catro grupos segundo a infografía que lle tocase a cada un. Nestes grupos poredes en común as ideas que sacastes dese recurso e, despois, cada un de vós terá que explicarlle unha parte da información ao resto da clase. Tede en conta que todos/as debedes participar e que a división do traballo debe ser equitativa.
Grupo 1: causas do quecemento global.
Grupo 2: consecuencias do quecemento global.
Grupo 3: consecuencias do quecemento global nos mares.
Grupo 4: solucións ao quecemento global.
Mentres explicades a vosa parte, lembrade que podedes empregar o encerado para escribir aquel vocabulario que os/as vosos/as compañeiros/as non coñezan.
Por último, escoitaremos o discurso de Greta Thunberg na Climate Action Summit das Nacións Unidas no 2019, dispoñible neste enlace. A partir do visionamento faremos unha posta en común e un debate sobre os temas que aborda. Podemos empregar as seguintes preguntas como guía:
- A quen vai dirixido este discurso?
- De que culpa Greta aos líderes mundiais?
- Que opinas dos seus argumentos?
- Que tono emprega?
E isto é todo por hoxe. Espero que a clase vos resultase proveitosa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario